A HORTA DO CURA No centro da vila, ao carón da igrexa parroquial e da casa reitoral, a horta do cura invítanos ao paseo e ao lecer. Varias construcións propias da nosa etnografía -un robusto hórreo, un pozo e un centenario pombal- asi como o monumento aos canteiros, obra do escultor cuntiense Maxín Picallo, danlle forma ao conxunto recreativo.

O PARQUE DE MARÁNS A 400 mts do centro urbano érguese o monumento ao Sagrado Corazón de Xesús, elaborado en pedra de granito polo escultor Francisco Asorey, debaixo do cal se construíu unha pequena ermida. Podemos chegar pola estrada que lle dá acceso ou a través dunha escaleira de pedra con máis dun cento de chanzos. Árbores caducifolias e perennes, autóctonas ou foráneas, fan deste miradoiro un lugar propicio para tomar unha merenda, parolar e contemplar unha fermosa panorámica do núcleo urbano e o val no que se asenta.

O PASEO DO RÍO GALLO No núcleo urbano de Cuntis hai varias zonas de paseo que discorren á beira do Gallo. Nelas podémonos atopar con árbores autóctonas -centenarios carballos, freixos e ameneiros- e foráneas: tulipífero de Virxinia, carballo americano, salgueiros choróns... Diversas pontes de madeira comunican as dúas bandas do río e preto dunha ducia de lavadoiros fluviais son testemuños vivos da nosa etnografía e practicamente pezas únicas en toda Galiza.

Enlace Relacionado
Lavadoiros Fluviais

CARBALLEIRA DE VILAMEÁN Próxima ao pazo abacial de San Fins de Estacas e ao templo parroquial, esta enorme carballeira centenaria -antano coñecida co nome da tomada do cura- discorre entre valos e camiños de pedra. A carón dela atópase o campo da festa, no que carballos, corticeiras e plataneiros bravos sombrean un cruceiro.

Se nos achegamos a este lugar non debemos deixar de visitar o víacrucis -que partindo do templo parroquial sobe cara ao monte- e a horta do pazo abacial que inclúe un pombal e un hórreo que destaca pola súa altura e os oito pés de pedra nos que se asenta.

A 500 metros atopamos a aldea do Casal cunha gran carballeira que ben merece unha visita.


 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©