>> Templos parroquiais e conventuais
>> Ermidas, capelas e santuarios

Capela do
San Ramón da Anllada

Na freguesía de San Breixo de Arcos de Furcos, no lugar da Anllada, a ermida do San Ramón é a capela de Cuntis construída máis recentemente. Parece ser que foi trasladada das terras estradenses de Vea polo seu crego, D. Ramón de Valenzuela e Carbajales.

Trátase dun templo de considerábeis dimensións, de características arquitectónicas austeras -propias do neoclasicismo- localizado ao carón dun fermoso cruceiro -onde unha dolorosa sostén a espada que lle traspasa o peito- e nun extremo da carballeira da Anllada, onde todos os anos se celebra a romaría na honra do San Ramón.

Capela do
San Ramón de Mesego

Capela de reducido tamaño, localizada no lugar de Mesego no interior dunha pequena carballeira. Noutro momento tivo connotacións de santuario e no corazón dos seus herméticos muros venérase tanto ao San Ramón como a Santa Apolonia, santos dos que aínda hoxe perduran as súas celebracións.

Contan os veciños deste lugar que existiu outro templo, capela ou pequena igrexa, da que hoxe quedan ruínas escondidas entre o manto vexetal que recobre os agrestes horizontes, cheos de maxia e tranquilidade. Era a lendaria ermida de Santa Ana.

Capela de
Santa Lucía de Magán

Xa existía esta edificación polo S. XVI, e tanto ela como o lugar onde se localiza, Magán (na freguesía de Estacas), estiveron vinculados até o ano 1836 aproximadamente ao señorío do mosteiro bieito de San Martiño Pinario, razón polo que aínda na actualidade, ademais da efixie de Santa Lucía, se conserve unha imaxe do patriarca San Bieito. Próximo a este templo, fincados no muro dunha casa, existen certos gravados nunha pedra -que outrora igual serviu de lumieira dun edificio importante, acaso da mesma ermida- onde se representa unha especie de paxaro (ou pomba), un trevo e unha combinación xeométrica semellante a unha "cuatríscele". Recordemos que algúns destes símbolos, pagán o último deles, foron empregados para decorar templos relixiosos en distintas épocas, xa dende o románico e incluso até o barroco.

Capela da
Magdalena de Meira

É a capela da Magdalena de Meira un dos templos rurais cuntienses máis antigos, do cal xa hai testemuños da súa presenza no ano 1607, polo que se lle supón a súa existencia, cando menos, no S. XVI. Nela, ademais de venerarse a María Magdalena, cada 6 de xaneiro rememórase o episodio bíblico dos Reis Magos.

Sitúase nunha pequena carballeira centenaria, na que antigamente se celebraba unha das máis importantes feiras da contorna e á que acudían persoas de moitos lugares co propósito de vender trebellos do campo, gando, produtos agrícolas,... Até comezos do S. XX e dende cando menos o S. XVIII o lugar da Magdalena -ou de Meira- serviu de punto reunión de camiñantes, de celebracións relixiosas e romarías populares, de xuntanzas de grupos agraristas e de epicentro comercial.

Capela do
Santiaguiño da Ermida

Localizada no lugar da Ermida, está provista dun soportal na súa fachada -que terma dun tellado- e erguida nunha paraxe moi fermosa, próxima ao río Umia e no interior dun campo circundado por vellos carballos e castiñeiros. O Santiaguiño da Ermida é un centro espiritual de grande antigüidade, xa existente no S. XVI aínda que ben puidese ter as súas orixes no medievo xa que esta edificación dá nome ao lugar, A Ermida.

Ademais do apóstolo venérase a unha Virxe da Pena (ou da Peña) que contan que apareceu nas inmediacións, xunto a un manancial de auga milagreira que aínda se conserva e que nas súas pedras leva gravado ese suposto milagre mariano.

No que respecta á imaxe de Santiago Apóstolo, había a tradición de mergullalo no interior do río Umia para que o santo lle trouxese boas colleitas aos labregos do lugar e para implorar a chegada das choivas cando tocaba un ano de seca.

Enlace relacionado
Camiño Portugués

 

A ermida de Santo Ildefonso, na freguesía de Troáns, é un pequeno templo no que se venera tanto ao declarado Ildefonso, con romaría o 23 de xaneiro, como a San Xoán "O Bautista" o 24 de xuño. Incluso, segundo Frei Martiño Sarmiento, antigamente a ermida levaba o nome deste último santo. Sexa como for, do que estamos seguros é de que xa existía no S. XVI, aínda que a súa tipoloxía, a denominación do santo patrón, as ampliacións construtivas e outras probas fannos ver unhas orixes claramente medievais.

No súa contorna aínda se conserva algunha casa con certo atractivo en canto á construción en cantería e os soportais de pedra.

Ermida do Santo Ildefonso


Enlace relacionado
Camiño Portugués


Santuario da Nosa Señora
do Castro Loureiro

No lugar do Loureiro de Arriba sitúase unha ermida e santuario, do que xa hai constancia da súa existencia na primeira metade do S. XVI, cando era unha ermida de padroado laico, suxeito á familia dos Oubiña-Mariño. O seu tamaño é considerábel e o lugar no que se atopa destaca pola súa fermosura, dende onde se albisca o monte Xesteiras e o promontorio do Castro de Arcos. Posúe un soportal ou cuberto cara ao lateral norte, no que se alberga un altar exterior de pedra e un anuncio polo cal se avisa das indulxencias que poden acadar os que, até alí, se dirixan con fervor para acadar o perdón.

Aínda que se ten coñecido co nome da Capela do Loreto -por mor da devoción que no seu interior se venera- non deixa de ser este un xeito particular de sincretismo, de apropiación de cultos pagáns pola Igrexa. E dicimos isto posto que a súa denominación máis antiga era a de Nosa Señora do Castro Loureiro, e Loreto non vén a ser máis que a castelanización do topónimo e, ao mesmo tempo, a substitución dun culto popular por outro aceptado polo cristianismo.

Con esta denominación -a da Nosa Señora do Castro Loureiro- aparece no seu máis vetusto libro de fábrica, no que se comezaron a rexistrar noticias no ano 1678.


Click aquí para ver o mapa.

San Ramón da Anllada
San Ramón de Mesego
Santa Lucía de Magán
Magdalena de Meira
Santiaguiño da Ermida
Santo Ildefonso
Nosa Señora do Castro Loureiro


 


 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©