Non podemos sinalar con exactitude cando comezan as terras de Cuntis a ter contacto con Roma. No entanto, a aparición de moedas datadas nas épocas de Claudio, Nerón e Británico fannos ver a posibilidade de que no S. I d.C. Cuntis xa comezase a absorber as ideas introducidas dende o país do Lacio.

CUNTIS: ESTACIÓN TERMAL ROMANA Estas e outras moedas -como aquelas acuñadas en tempos de Tiberio, Traiano ou Constantino II-  foron atopadas no manancial de auga quente "Lume de Deus". O achado descubría máis de 500 moedas de bronce no pozo desta burga, que probablemente fora un lugar terapéutico e de carácter sagrado no que poder entregar ofrendas aos deuses protectores e ás divindades curadoras.

Estela romana -
atopada na sobreira
(San Mamede de Piñeiro)

Vemos, por conseguinte, que o contorno da Praza de Galiza ten moita potencia arqueolóxica. Neste lugar descubríronse dúas aras romanas con epígrafes case idénticos, nos que se podía ler: "Nymphis C. Antonius Florus"; ou sexa: "Ás ninfas Caio Antón Floro" que nos fai pensar que se traten de dúas ofrendas para a consagración dun Templum ou Fanum de carácter público onde o pobo cría que moraban determinados seres máxicos ou divinos, custodios do manancial de auga quente. Unha terceira ara romana descuberta estaba ofrecida ás ninfas e unha cuarta, dun fermoso deseño, tamén se atopou neste contorno, como aconteceu cunha basa dunha columna de estilo toscano.

Un baño cadrado feito en argamasa aparecía como un novo achado, así como a efixie dunha suposta Minerva Médica, elaborada en bronce e adherida a esa "piscina". A teor disto Cuntis asemella que foi unha importante estación termal de época romana, con templos dedicados aos deuses protectores das augas e instalacións terapéuticas.

Sobre a infraestrutura termal que existiu só temos restos construtivos que nos van ofrecendo unha imaxe global de todo o conxunto, como as canalizacións desa época destinadas á captación de augas coas súas respectivas arquetas que foron atopadas nos xardíns da Horta do Cura.

TESTEMUÑOS ARQUEOLÓXICOS
A existencia de sepulturas, algunhas realizadas en tixilo, atopadas no adro da actual igrexa parroquial de Santa María de Cuntis (denominada durante o medievo Santa María de Termis), o descubrimento nesta área dun monólito de pedra de considerábel tamaño, coa súa parte inferior a modo de cipo e que -en contexto arqueolóxico- cabería a posibilidade de clasificar como unha estela fálica, o fragmento superior dunha estela no lugar de Hervés, na parroquia de Troáns, ou o fragmento doutra estela funeraria no lugar de Sobreira (San Mamede), que a excepción da anterior non conserva motivos ornamentais pero si un epitafio case completo: "DI(bus) / MA(nibus) S(acrum) / FLAV(IA)E / XXV", isto é: "Aos Deuses Manes Sagrados. Flavia de 25 anos", son outros testemuños arqueolóxicos.
Ara romana -
atopada na vila de Cuntis

INFRAESTRUCTURA VIARIA Varios autores teñen constatado a presenza de vías romanas nas inmediacións da Ponte Taboada, que une os concellos de Cuntis e Moraña. Esta ponte xunto con outra que existiu até o ano 1905 en Cuntis (no mesmo lugar onde se atopa a actual ponte que cruza o río Gallo no centro da vila) parece que tiveron as mesmas orixes romanas. Non está claro se estas vías de comunicación eran principais ou secundarias, mais o que importa é coñecer a súa existencia, dado que estes camiños comunicaban lugares de destacado protagonismo na época (pola existencia de auga quente, pola presenza de vilas ou mansións romanas...)

AQUAE CALIDAE Por que comunicar o antigo en Cuntis?. Por que esta gran cantidade de achados?. Pois loxicamente porque aquí existía un importante centro termal, cunha vila romana de certa importancia e que algúns historiadores consideran que se trataba da antiga mansión denominada Aquae Calidae, capital do pobo protohistórico dos cilenos que, con capital en Cuntis, abarcaría os concellos actuais de Cuntis, Moraña e Caldas de Reis.

Estela fálica



 


 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©