Durante este período as terras cuntienses amosan un rexurdir socioeconómico. Bo testemuño disto é a existencia de varias comunidades relixiosas (Santa María de Termis, San Xiao de Caldas de Cuntis e San Miguel de Couselo), diversos templos parroquiais e un aparato administrativo regulador da vida pública.

O MOSTERIO DE SAN XIAO DE CALDAS DE CUNTIS
A documentación máis significativa en relación con este templo está relacionada coa súa doazón pola raíña leonesa Urraca ao bispo Xelmírez no ano 1116. Ese documento achega que ese cenobio era de propiedade real, non como aconteceu con outros mosteiros cuntienses, como o de Couselo, San Breixo e San Martiño de Arcos de Furcos e mesmo Santa María das Termas de Cuntis.

Esta edificación medieval esvaecerase da diplomática medieval posterior a estas datas, mais ha rexurdir durante o S. XVIII, onde un documento analizado por Filgueira Valverde asegura que ese antigo templo tan só conservaba os nichos dalgunhas sepulturas e que pasou a formar parte do patrimonio da Orde do Temple, aínda que isto non está totalmente confirmado. Del actualmente só se conservan varias pedras que serven de entrada dun carreiro que existe no centro urbano de Cuntis, e que levan o nome de Portelo e Camiño de San Xoán, forma deturpada do seu nome antigo, San Xiao ou Xulián.

O MOSTERIO DE SANTA MARÍA DE TERMIS
Verbo dunha inscrición que aínda se conserva no actual templo parroquial de Santa María de Cuntis, construído sobre os alicerces dese cenobio medieval, sabemos que o abade Adaulfo desempeñou o control da vida regular deste mosteiro até o momento da súa morte no ano 1078. Di o epitafio: "Era milessima centessima decima sexta, et tertio idus Martii memoriam celebris abbatis Adaulfi, fecimus"; o que vén a significar: "No ano 1078 tres días antes dos idus de Marzo fixemos memoria ó célebre abade Adaulfo".
O Arcebispo Xelmírez

Confirmatorio da existencia deste mosteiro é o documento polo cal a raíña Dona Urraca lle entrega ao bispo Xelmírez o templo de San Xiao de Caldas de Cuntis, mais non lle facía mercé da igrexa de Santa María -loxicamente das Termas-, coa súa casa dos monxes (o que demostra a existencia dun edificio conventual). Desta declaración conclúese ademais que o mosteiro era de propiedade laica e non estaba suxeito á realeza.

O declive desta comunidade constátase tras a súa doazón, efectuada polo rei galego-leonés Fernando II no ano 1159 ao arcebispo compostelán Martiño Martínez. A igrexa de Santa María -esta vez denominada como Sancta Mariam de Caldas de Contenes- era entregada xunto con todos os seus termos -novos e antigos-, os seus prados, pastos, montes, fontes, servos, posesións e xurisdición.

Este mesmo rei no ano 1168 asinaría un documento polo cal permuta varias igrexas cuntienses pola cidade de Coria, que era do arcebispo de Santiago e que lle quería entregar á milicia dos templarios a cambio da cidade de Coria. As freguesías motivo de troco eran a de Santa María de Caldas de Cuntis, San Breixo de Arcos de Furcos, San Miguel de Couselo, San Mamede de Piñeiro, San Fins de Estacas e Santa María de Troáns.


O MOSTEIRO DE SAN MIGUEL DE COUSELO
Significativo da existencia e antigüidade da comunidade regular de San Miguel de Couselo é o seguinte rexesto do século XVII:

"S. Miguel de Couselo, monasterio antiquíssimo que, según dizen, fue de los primeros que huvo en Galiza. Está media legua de Caldas de Rey y tres leguas de Pontevedra, en una montaña asperissima. Anexose a S. Martín el año de mill y trescientos y noventa. Está ora la yglesia en pie y vense las ruynas de los claustros que están haziendo demostración de una grande antiguedad".

Capitel Románico do Ántigo Mosteiro de San Miguel de Couselo

Non coñecemos as orixes deste mosteiro e tan só podemos achegar datos históricos que comezan polo ano 1064 no que Ansiliano, abade deste cenobio, e os seus monxes adquiren varias propiedades nas proximidades do Mar da Arousa, concretamente en San Miguel de Deiro e Santa María de Caleiro. Coa adquisición destes patrimonios mariñeiros -o que demostra unha situación económica florecente- Couselo incrementaría os seus recursos e introduciría nas súas despensas unha boa cantidade de produtos gastronómicos, como o sal, o peixe e o marisco, que favorecerían a dieta monástica.

Testemuño da súa historia tamén é unha lápida sepulcral que até a segunda metade do S. XIX estivo fincada na fachada da igrexa de San Miguel de Couselo, e que dicía:

"[Mi]serere Famulo: Dei
Ordonus abbas . E qui obiit
XVI K . Mas . Era . ICXXX . III"

O que viría a significar : "Apiadádevos do servo de Deus Ordoño, abade, que faleceu o 16 de abril do ano 1095".

Esta lápida foi levada a Santiago de Compostela, para formar parte da Exposición Regional Gallega de 1909, e na actualidade descoñecése o seu paradoiro. 

Xa entrados en 1206, o rei Afonso VIII de Galiza e León concedeulle a este mosteiro a poder de acoutar todas as súas posesións -presentes e futuras, onde queira que se atopasen- para que servise de consolo das ánimas do monarca e os seus devanceiros.

Atopámonos logo cun mosteiro con terras acoutadas, con xurisdición propia, á marxe do rei e do pontífice da arquidiocese compostelá. No entanto, cremos que a súa vida, sometida á regra de San Bieito, xa estaba debilitada, mancada por séculos de recursos efémeros, intentando conservar con fortaleza toda herdade que posuíse, aínda que estivese lonxe das súas inmediacións.

A ARTICULACIÓN DO POBOAMENTO
Cuntis, como epicentro das terras dese mesmo nome e como núcleo administrativo, posuía unha importancia moi destacada por toda a contorna, centro importante de relixiosidade e expansión cultural. Na súa superficie localizábanse até tres igrexas: San Vicenzo -que quizais fose de tamaño reducido, posto que durante o S. XIII sería denominada capela-, a de Santa María de Termis e a de San Xiao de Caldas de Cuntis, estas dúas últimas monásticas.

Capitel de tradición románica da antiga igrexa de San Breixo de Arcos de Furcos

Eses mosteiros xunto cos de Couselo e Arcos de Furcos condicionaron o desenvolvemento do poboamento medieval: nacerían aldeas, os casais e as súas facendas, decruaríanse terras para o cultivo, e a gandaría sería máis evidente.

Segundo a diplomática do período comprendido entre os séculos XI e XIII, Cuntis -esta vez entendido como territorio- contaba con varios centros relixiosos, de diferente tamaño, tipoloxía, antigüidade e funcións. Haberíaos que eran unicamente igrexas parroquiais ou centros de culto (ermidas e santuarios) e os restantes formaban parte de comunidades relixiosas. Cómpre citar os templos medievais de San Vicenzo (próximo quizais ao núcleo urbano de Cuntis, aínda que non podemos precisar a súa localización exacta), Santa María de Termis, San Xiao de Caldas de Cuntis, San Fins de Estacas, San Mamede de Piñeiro, Santa María de Troáns, San Breixo de Arcos de Furcos e Santa María de Cequeril.

Durante este período a parroquia de Santa Baia da Portela, ao setentrión das terras de Cuntis, non aparece na diplomática, mais isto non quere indicar que non existise; o seu templo, ao igual que pequenas capelas e ermidas rurais deberon facer presenza xa durante este tempo. Velaí que Santa Baia da Portela si apareza nun diploma do ano 1300.

 

 

 



 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©